O Barco acolle a exposición de viñetas sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

05.03.19 13:04

As instalacións do Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras acolle, do 1 ao 17 de Marzo, unha exposición sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) creada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que é socio o Concello.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do cal este concello forma parte, creou esta exposición coa fin de achegar á cidadanía os ODS. En total, 17 obxectivos e 169 metas rexerán as actuacións que os gobernos leven a cabo ata o 2030. Neles atópanse a erradicación da pobreza extrema, garantir a igualdade de oportunidades eliminando leis discriminatorias ou acabar coa caza furtiva coa intención de conservar ecosistemas, entre outros.

O Barco quere sumarse a estes esforzos e facilitar que a cidadanía coñeza e se implique na loita por unha sociedade mellor. Mediante esta exposición as persoas visitantes poderán acceder a unha colección de paneis acompañados de ilustracións de debuxantes de diferentes partes do mundo. A través das súas obras, preténdese fomentar a reflexión, a nivel local e global, sobre temas como a loita contra a fame, o acceso á saúde e á educación, a equidade de xénero ou a protección do planeta. Ao tempo, búscase concienciar sobre as medidas que cadaquén pode tomar e/ou esixir ao respecto.

 

Na exposición podemos atopar as sinaturas de Neivaldo Nhatugueja, Iago Araujo, Pablo Rosendo, Roberto Mendes, María Nóvoa, Alberto Fortes, María Vilar, Jano, Alicia Jaraba, Clara Patiño, Paula Esteban, Noemí López, Laprislazuli, Tokio e Luis Davila. A mostra resulta tamén innovadora polo seu formato, xa que as ilustracións van montadas sobre grandes caixas de cartón, e incorpora asemade unha unidade didáctica, pensada inicialmente para alumnos de Secundaria.

 

A Concellería de Servizos Sociais facilitará a visita á exposición con unha persoa que guiará aos interesados, e especialmente a grupos de escolares dos distintos centros educativos do municipio. O horario no que se poderá visitar de xeito guiado é de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas, aínda que a exposición tamén permanecerá aberta ao público no horario do Teatro Lauro Olmo e das súas actividades.

 

 

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng