Os Bolechas e o amigo monte estarán no TLO o sábado 16 de xuño

07.06.18 13:49

Os populares bonecos creados por Pepe Carreiro presentarán o espectáculo Os Bolechas e o amigo monte no TLO, con entrada libre, o sábado 16 de xuño ás 19 horas para nenos e nenas de 3 a 9 anos e as súas familias.

O espectáculo está promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) dentro do programa FalaRedes, destinado a concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL).

Trátase dun espectáculo de monicreques manipulados por actores á vista que chegará a 21 entidades da Rede entre os meses de xuño e xullo deste ano. Desta volta, os famosos Bolechas -coñecidos personaxes da literatura infantil galega e agora tamén da televisión- concienciarán os máis pequenos sobre a necesidade de coidarmos o monte e a maneira de facelo, iniciándoos na prevención dos incendios forestais. O obxectivo é fomentar, a canda a educación ecolóxica dos nenos e nenas, a súa participación en galego na resolución do conflito proposto no guión. Para iso, Os Bolechas solicitarán a intervención do público en probas de habilidade e establecerán un diálogo cos rapaces e rapazas acerca do monte, a súa fauna e a súa flora.

Os participantes nesta actividade de dinamización lingüística obterán unha palabra clave que lles permitirá acceder ao web www.osbolechas.gal, onde atoparán diversos contidos (xogos, diplomas, unidades didácticas...) e poderán participar en sorteos de lotes de libros dos Bolechas.

 

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng