O VI ciclo De Perto reune poetas, contadores e cantadeiras no Barco

07.06.18 12:21

De Perto é o ciclo da palabra no Barco. A palabra contada, rimada, cantada. Reune poetas, narradores orais e cantantes-cantareiras nun programa que terá lugar entre o 22 de xuño e o 13 de xullo ao aire libre, en distintos espazos públicos do Barco.

O berciano Juan Carlos Mestre (Premio Nacional de Poesía) e a luguesa Olga Novo recitarán os seus versos, os dous teñen unha enorme traxectoria como poetas con numerosos recoñecementos en todo o mundo. Mestre titula o seu recital Elogio de la palabra, Novo ofrecerá os seus poemas como se fosen a Historia Universal dun lugariño.

En narración oral o programa presenta as contadoras galegas emerxentes María da Pontragha (Contos do que non hai) e Ángeles Goás (O medio é libre) xunto aos consagrados Quico Cadaval e a lisboeta Ana Sofía Paiva, que compartirán escenario con Contos de contrabando-Historia Portugalaicas. Tamén contará a súa historia real e tremenda de neno que viviu cos lobos, Marcos Rodríguez Pantoja.

No apartado de música cantada o ciclo De Perto presenta a Tanxugueiras, cantadeiras que están revolucionando o panorama musical galego, que presentan o seu primeiro disco, e Uxía, a gran dama da canción galega, que canta a Uxío Novoneyra no seu último disco Uxía-o.

E todos estes agasallos para os sentidos terán lugar en catro espazos públicos do Barco: a praza do Sagrado, os Xardíns da Casa Grande, a Beira do Sil-Malecón e o castelo do Castro sempre á mesma hora, ás 22h30, cando a noite do verán ocupa o seu lugar.

Premendo na imaxe do cartel tedes o programa en detalle.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng