Sarabela Teatro presenta este venres O Rei Morre de Ionesco

30.04.18 09:26

Sarabela presenta no TLO este venres 4 de maio ás 21h. a súa última produción: O Rei morre, un texto de Eugène Ionesco con dramaturxia e dirección de Ana Vallés. Está interpretado por Fernando Dacosta, Fina Calleja, Sabela Gago, Nate Borrajo e Alfonso Míguez.

Despois dunha noite de esmorga, o fatuo rei Berenguer I, que creou un mundo á súa medida, aparece en escena. Os sons da festa que oímos ao entrar na sala desaparecen, e o monarca dun reino de pacotilla, que se cría atemporal, recibe a noticia de que vai morrer. Non quere crelo. Pensa que é un pesadelo e dubida de que ese momento estea preto, polo que non deixa de dar ordes coa soberbia daquel que pensa que controla todo. Asiste así aos últimos momentos da súa vida xunto á súa primeira muller, Margarida, e o seu médico, que intentan conseguir que o rei acepte que está no final da súa vida. Mentres, a súa segunda muller, a raíña María, intenta ocultarlle esta realidade e suavizar a súa agonía.

O espectáculo forma parte da programación da Rede de Espazos Culturais de Ourense e conta co patrocinio da Deputación de Ourense.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng