O CDG presenta este venres "Longa viaxe cara a noite" de Eugene O´Neill

26.05.14 10:24

O Centro Dramático Galego presenta "Longa viaxe cara a noite" de Eugene O´Neill, este venres, 30 de maio, no TLO ás 21 h. Dirixida por Manuel Guede e con Luisa Merelas (Mary), Alberto Rolán (Edmund), Gonzalo Uriarte (James) e Marcos Viéitez (Jamie). As entradas á venda (5 euros) desde unha hora antes.

Eugene O’Neill, gañador de catro Pulitzer e premio Nobel de Literatura en 1936, é o pai fundador do teatro norteamericano moderno e este texto, Longa viaxe cara á noite, un dos máis célebres da súa notable produción literaria.

Máis que calquera outro dramaturgo, O’Neill introduciu na escena estadounidense un realismo dramático que xa iniciaran Anton Chéjov, Henrik Ibsen e August Strindberg. En xeral, as súas obras contan con personaxes que viven nas marxes da sociedade e que loitan por manter as súas esperanzas e aspiracións, aínda que adoitan rematar desilusionados e caendo no desespero.

Aclamada pola crítica e considerada a obra máis completa e cumio de O’Neill, Longa viaxe cara á noite narra a crónica dun só día na vida dos Tyrone, unha familia norteamericana quebrada polas frustracións e os vicios: James, un actor de éxito e fortuna, que pasou a súa vida de escenario en escenario sen poder formar un verdadeiro fogar; Mary, a súa muller, presa dunha adicción imposible de desarraigar; Jamie, o fillo maior e alcohólico; e Edmund, o alter ego de O’Neill, un mozo soñador e romántico, pero enfermo de tuberculose.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng