Aí vén o Entroido!

21.02.14 11:00

Comezou a distribuirse o cartel e o programa de man do Entroido 2014 no Barco. Como cada ano celebraranse as Xornadas Gastronómicas, que van pola decimoquinta edición, como preámbulo dun ciclo festivo que terá a súa apoteose no desfile do martes día 4 de marzo.

Cartel do Entroido (arriba) e programa das Xornadas Gastronómicas e dos Pinchos (abaixo). Click para ampliar.

Cartel do Entroido (arriba) e programa das Xornadas Gastronómicas e dos Pinchos (abaixo). Click para ampliar.

O desfile partirá o martes ás 17h30 da avenida Conde de Fenosa, á altura do Hospital Comarcal, e nel tomarán parte cantas persoas disfrazadas o desexen, folións, charangas e comparsas. As agrupacións de dez ou máis persoas optarán aos premios do concurso organizado pola Concellaría de Cultura, sempre que se inscriban antes das 12 horas do día 3 de marzo e cumpran os requisitos establecidos nas basese do mesmo. Todo a troula carnavalesca rematará na praza Maior onde haberá baile o resto da tarde.

Por outra parte o domingo día 2 a partir das 17h30 haberá un karaoke infantil e un baile de carnaval na Praza Maior. O luns a festa infantil será a partir das 16h30 na praza do Concello, nesta ocasión organizado polo Centro Comercial Aberto. finalmente o mércores día 5 o Enterro da Sardiña porá o punto e final do Entroido a partir das 20h30 na praza Maior.

O mércores 26 comezan as XV Xornadas Gastronómicas do Entroido, nas que participan oito restaurantes, ao tempo que quince bares configuran un roteiro de pinchos denominado "Degustamos o Entroido".

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng