Titzina abre a temporada teatral con Exitus

21.09.09 11:10

A compañía catalá Titzina Teatre será a encargada de abrir a temporada teatral do TLO co seu último espectáculo Exitus, unha reflexión sobre a morte e a súa presenza no acontecer da vida de cada un. Este venres ás 21 horas.

Exitus é unha traxicomedia con dous actores e catro personaxes, coa linguaxe poética e o dinamismo do teatro contemporáneo. Titzina son Paco Merino e Diego Lorca, un tandem que escribe, dirixe e interpreta. Esta é a súa terceira achega sobre temas complexos, primeiro o mundo da psiquiatría, logo a guerra e agora a morte. Todo cun estilo propio, cun traballo de campo rigoroso, baste dicir que os dous autores-directores-actores estiveron por periodos de dúas semanas na unidade de coidados paliativos dun hospital e outras tantas nunha funeraria.

Exitus xoga coa acepción do propio termo latino, saída, e máis concretamente do usado en medicina Exitus letatis (saída mortal). Sobre o escenario dous actores e catro personaxes: un funerario, un home que busca emprego, un directivo dun laboratorio farmacéutico e un avogado. Entremesturan as súas vidas sen ser conscientes do destino común que os une. Catro persoas que se enfrontan á morte desde puntos de vista tan diversos como o dunha profesión, unha traxedia ou un acto irreversíbel da vida.

A compañía catalá Titzna fúndase en agosto do 2001 por Pako Merino e Diego Lorca,  actores e produtores formados na Ecole Internacional de Theatre Jacques Lecoq (1999-2001).  En xuño do 2003 estrea a súa ópera prima Folie a deux/Sueños de psiquiátrico. Con este espectáculo realizan unha xira por toda España, Portugal e Francia que dura ata novembro do 2005. Durante este tempo o espectáculo gaña sete premios nacionais, preséntase en case todas as feiras e festivais teatrais de España, e remata a xira con 300 funcións ás súas costas.

En novembro de 2005, estrea o seu segundo espectáculo: Entrañas. Esta obra de creación, dirixida por Stefan Metz, realiza unha xira por toda España durante o ano 2006, 2007 e 2008 con saídas ao estranxeiro (Portugal, EE.UU e Francia). Este segundo espectáculo, que consolida á compañía como un referente teatral en todo o Estado, ten previsto rematar o seu percorrido polos teatros españois con 160 actuacións aproximadamente e cunha lista de críticas que na súa gran maioría falan xa dun “selo Titzina” á hora de crear.

SMC

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng