O ciclo Espazos Sonoros realiza en Éntoma unha xornada de música e lecer

06.10.15 10:01

O ciclo Espazos Sonoros, da Xunta de Galicia, realiza este sábado, 10 de outubro, unha xornada en Éntoma arredor do patrimonio cultural, o viño e a música. Será nas Adegas Roandi, onde concluirá ás 19 h. co concerto do Quinteto Egeria.

As 11 horas partirá da Igrexa de San xoán de Éntoma o roteiro cultural "De minas e viñas", arredor da paisaxe natural e cultural de Éntoma. Son 7,84 quilómetros de dificultade media- baixa e unha duración aproximada de tres horas.

A parroquia de San Xoán de Éntoma, no concello do Barco, é un lugar de singulares e abondosas pegadas da historia perceptibles aínda nunha paisaxe, na que se detecta unha transformadora presenza humana, tanto a través do cultivo da vide, como dos vestixios de antigas explotacións mineiras. O noso percorrido por estas terras partirá da igrexa parroquial de San Xoán, unha singular construción en pedra vermella do país, que loce nunha das portas laterais a cruz da orde de San Xoán de Xerusalén ou de Malta, á que pertenceu esta igrexa.

A primeira parte do itinerario coincide co Camiño de Inverno a Compostela, do que se separa para ir tomando altura cara aos lugares das Covas e dos Forroxancos, onde son visibles restos relacionados coa extracción de recursos mineiros na Antigüidade. O camiño continúa ascendendo entre viñas de nova plantación ata o miradoiro da Torrizola. Alí teremos oportunidade de detérmonos para experimentar diversos aspectos en relación co cultivo da vide e coa colleita da uva. Posteriormente, a ruta descende cara ao río Galir, que cruzaremos por un pontón de madeira para regresar á aldea, onde pararemos para ollar a ponte antiga de lousa, construída sobre unha vía romana secundaria relacionada coa actividade mineira da comarca.

De volta en Éntoma, e logo do xantar, poderemos participar en diferentes actividades e obradoiros arredor da cultura e dos procesos de elaboración do viño nas adegas Roandi. Remataremos cun concerto do Quinteto Egeria ao abeiro das barricas de viño.

Programa da xornada

11.00 h Encontro na igrexa de San Xoán de Éntoma

14.30 h Xantar (optativo) nas adegas Roandi (prezo 8 € por persoa)

16.30 h Tarde de actividades arredor da cultura vitivinícola na adega

19.00 h Concerto do Quinteto Egeria

Tanto a camiñada como o concerto do Quintero Egeria son de acceso libre e non precisan inscrición previa, para o xantar e as actividades na adega hai que inscribirse en actividades@espazossonoros.org

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng