Comeza o III De Perto coa Banda do Barco en Éntoma e Abertal no Chao

24.06.15 11:08

O venres 26 de xuño en Éntoma dará comezo o III De Perto (outros espazos para a cultura) coa presentación da Banda de Música do Barco. O concerto terá lugar no Patio das Escolas a partir das 20h30. O sábado, 27 de xuño, ás 22h30 a Agrupación Abertal estará no Parque do Chao.

Hai moitos e interesantes motivos para achegarse a Éntoma: a súa ponte antiga sobre o Galir está sendo rehabilitada, todo un símbolo da localidade recuperado e posto en valor; os petróglifos da Raia que dan fe da ocupación destes lugares no Neolítico; os restos de minas de ouro postas en explotación polos romanos; a igrexa de San Xoán que formaba parte da Encomenda da Orde hospitalaria... e concluír ese percorrido asistindo ao concerto que a Banda do Barco, dirixida por Manuel Prada, vai ofrecer no Patio das Escolas este venres ás 20h30.

Se hai un prado fermoso de verdade para facer unha foliada no Barco ese é o do Parque do Chao. Por iso o ciclo De Perto levará alí a Agrupación Abertal da Rúa. Os bailes, as músicas e os cantares da Terra, a exaltación do traxe galego con toda a súa elegante variedade de formas e cores. Todo baixo a dirección musical de Manuel Durán. A partir das 22h30 o sábado, 27 de xuño, no Parque do Chao.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng